Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Carballo leva incorporados este ano 4,8 millóns de euros de remanente para novas obras e servizos


Unha das actuacións de maior envergadura será a apertura e pavimentación do primeiro treito da vía que enlazará o polígono de Bértoa coa rotonda da estrada de Razo

O Concello de Carballo está a incrementar o orzamento anual cos fondos procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais. No pleno do 24 de abril aprobouse a incorporación de 1.674.461,61 euros, e no de xullo engadíronse outros 3.159.366,85 euros. En total, 4,8 millóns de euros que se destinarán a servizos e, sobre todo, á execución de obras en distintas parroquias.

A modificación orzamentaria aprobada en abril incluía, por exemplo, partidas destinadas aos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos, o alumeado, o acondicionamento dos xardíns ou a mellora da seguridade no polígono industrial de Bértoa. Pero o groso corresponde á execución das seguintes obras:

• Reurbanización da rúa Portugal: 134.673,62 euros
• Aglomerado da vía do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán): 381.297,90 euros
• Apertura e pavimentación do primeiro treito da vía que enlazará o polígono de Bértoa coa rotonda da estrada de Razo: 615.370,74 euros.
• Ampliación da rede de abastecemento a Rebordelos: 168.375 euros
• Pavimentación con cemento do núcleo rural de Vilar do Carballo (Oza): 210.015,14 euros

Nestes momentos, os distintos departamentos municipais implicados están a traballar para que estes cinco proxectos poidan materializarse o antes posible. De feito, a pavimentación do núcleo do Vilar do Carballo está practicamente lista para saír a contratación.

A actuación de maior envergadura será a apertura da vía que enlazará o polígono de Bértoa coa estrada de Razo ao longo de máis de 1,5 quilómetros. Este primeiro treito, de aproximadamente 700 metros, discorrerá entre o parque empresarial e a rúa Abetos. A nova estrada contará con dous carrís de circulación e sendas ciclopeonís nas marxes, ademais de arborado e mobiliario urbano. Tras esta primeira fase, o goberno municipal pretende seguir desenvolvendo as seguintes sucesivamente.

A listaxe, tanto das obras coma dos servizos que se acometerán grazas á modificación orzamentaria aprobada en xullo, é moito máis longa. Podes consultala aquí. E os destinos dos fondos tamén son máis variados: equipamento para a Policía Local, actividades de normalización e dinamización lingüística e de cultura, así coma outras dirixidas á mocidade e aos maiores, equipos informáticos, un plan de mentorización para os concesionarios dos postos do mercado municipal ou a edición dun libro sobre o pan de Carballo son algúns deles. Pero, como no caso anterior, os investimentos máis elevados correspóndense con obras como as seguintes:
• Mellora de rúas no núcleo rural de Arnados (Razo): 395.661,91 euros
• Reparación de vías secundarias nas parroquias de Lema, Carballo, Razo, Oza, Bértoa, Rus, Artes, Verdillo, Sofán e Ardaña: 90.000 euros
• Mellora de camiños forestais: 107.467,02 euros
• Pavimentación de accesos a vivendas en núcleos rurais: 111.411,91 euros
• Demolición das antigas vivendas dos mestres: 50.000 euros
• Investimentos en centros escolares: 102.984,29 euros
• Mellora da pista deportiva e do patio exterior e a zona de xogos do CEIP A Cristina (1ª fase): 41.078,59 euros
• Campo de fútbol 3 As Eiroas: 830.000 euros
• Ampliación do pavillón Vila de Noia: 35.025,57 euros
• Reforma da pista de xogo do pavillón Carballo Calero: 292.000 euros
• Melloras enerxéticas no campo de fútbol do Carral (Sofán): 29.500 euros
• Mellora da pista multideporte da Praza do Concello: 31.568,11 euros
• Substitución da pista perimetral do Chorís: 38.000 euros
O expediente da modificación orzamentaria atópase en fase de exposición pública, tras a súa publicación no BOP do día 4. As persoas interesadas dispoñen de prazo ata o luns 28 para examinala e presentar, se o consideran, as alegación oportunas.